A orixe da "Coca" e da "Danza das Espadas"

mércores, 22 de maio de 2013


Son moitas as relixións antigas que teñen dragóns ou serpes, case sempre de carácter negativo. Hai investigadores que sitúan o nacemento destes mitos na India. Ó longo da historia da Igrexa tamén os santos se enfrontaron simbolicamente a algúns destes seres que representaban a idolatría e outras crenzas, de feito, o apóstolo Santiago foi un deles. Crése que os primeiros dragóns procesionais cristiáns daten do século V, de cando San Mamerto, bispo de Vienne (Francia), institúe as procesións das rogativas os tres días anteriores ó da Ascensión. O primeiro día a figura do dragón abría a procesión diante da cruz, con aire triunfante. Pero o terceiro, xa vencido, camiñaba detrás de toda a comitiva. Suponse que estes monstros fosen de tamaño pequeno, que os levasen pendurados de paus, que pola feitura asemellasen ás serpes, e que os queimasen ó rematar a rogativa.


Ata agora, onde  primeiro lugar onde se rexistrou o nome de Coca foi en Ourense, cidade na que dende tempos moi antigos se celebra con gran devoción a festa do Corpus. Nun documento do 27 de maio de 1437 figura coa denominación de Coquetriz, vocábulo que nesta época tamén era común para o castelán. 



As cocas sempre se representaron como dragóns: corpo serpentiformeou vermiforme, ás membranosas,
rabo en punta afiada, poutas...Un composto de elementos procedentes de diferentes animais, pero sempre dos considerados negativos dende tempos remotos: serpes, morcegos, crocodilos...




Os materiais construtivos adoitaban ser os vimbios e as vergas de salgueiro e carballo para facer a estrutura, a madeira para a cabeza articulada de xeito que lle puidese abrir a boca a persoa que ía dentro, e logo todo o corpo cuberto con tea pintada, imitando escamas de cor verdosa, coma as peles dos crocodilos, lagartos, serpes, sapos...



Por último estaban as danzas executadas polos gremios ou que corrían coa organización, entre as que algunhas eran comúns a varias poboacións tanto portuguesas como galegas, como por exemplo a “das espadas”, denominada así por bailaren cunha destas armas na man dereita. Hai eruditos, como Luiz Chaves, que opinan que quizais sexan restos de antigos torneos guerreiros, pois nelas existen movementos propios de loita. 

Na actualidade, Redondela é a única vila galega que conserva as seculares Penlas e, xunto con tres ou catro vilas máis, a Danza das Espadas. Estas tres manifestacións populares actúan tódolos anos o día do Corpus Christi.







Fuente: www.turismoredondela.net; www.depontevedra.es











No hay comentarios:

Publicar un comentario