As infraestruturas marítimas na Enseada de San Simón baséanse principalmente nos catro portos que alí existen: Cesantes, Arcade, Santa Cristina de Cobres e San Adrián de Cobres. A eles engadimos os antigos portos e peiraos existentes na Enseada, algúns con uso, aínda que limitado, e outros xa en desuso ou en estados de conservación deplorables. Entre estes peiraos algúns foron dependentes de industrias que se situaban na beiramar, mentres que outros foron portos ou peiraos realizados para o uso público, a pesca ou o transporte tanto de persoas como de mercadorías.
O porto de Cesantes sitúase como o herdeiro do que foi o porto de Redondela, xa que naceu debido á imposibilidade de navegar con baixamar polas barras do río Alvedosa. Foi construído a mediados do sec. XX aproveitando as estruturas que xa existían dos pescadores e da fábrica de conservas que se sitúa detrás.
Outro ben inventariado na Enseada son as Barras do Alvedosa, obra de enxeñería realizada a principios do sec. XX para canalizar a desembocadura conxunta dos ríos Alvedosa e Pexegueiro e manter accesible o porto de Redondela, por causa do proceso de colmataxe natural. Feito por medio de diques lonxitudinais mergullábeis que discorren parellos á canle principal do río, poucos anos mantivo o tránsito xa que a actividade portuaria pasou ó porto de Cesantes.
O que foi orixinalmente o peirao da fábrica de hidrocarburos de Arcade, o chamado Peirao de Laforet, constituíu un antigo espigón ó que se lle engadiu unha ampliación en forma de “L” para albergar un porto náutico deportivo que convive coas necesidades dos mariñeiros.
O chamado tamén Peirao de Gundixe (porto de Santa Cristina) creouse na primeira metade do sec. XX para dotar de infraestruturas suficientes ó novo tráfico marítimo, e escolleuse a Punta Pereiro xa que preto dela realizábanse de xeito rudimentario as operacións de tráfico marítimo, ademais de ter unhas condicións de vento e mar moi favorables ó situarse nunha baía.
Doutra banda están os peiraos públicos que tiveron actividade no seu tempo e que agora, ou xa non a teñen ou o que non teñen son condicións estruturais de peirao. Entre os que xa non teñen actividade pero si peirao encontramos o dos Caralletes e o de Paredes en Vilaboa.
Outra opción son os peiraos das antigas fábricas como o da Regasenda ou o da “Fábrica do Alemán”; tamén o de Rodríguez Pascual ó lado do porto de Cesantes, o da IME e o de Arcadia.
Finalmente mencionar a Illa de San Simón, onde se atopan non só catro peiraos de distintos anos de construción, senón unha ponte que une as illas de San Simón e San Antonio construída a partir da constitución da illa como Lazareto en 1830.
Fuente: Estudo sobre o patrimonio turístico da Enseada (A Citania)
No hay comentarios:
Publicar un comentario